Monday 06 de May de 2024

As axudas do bono-taxi para facilitar os desprazamentos a persoas con mobilidade reducida chegarán a 245 cidadáns este ano


O número de beneficiarios aumentou en 112 persoas con respecto ao ano pasado

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, aprobou a concesión este ano de 245 axudas do bono-taxi, unha prestación deseñada para persoas con discapacidade que, por estar gravemente afectadas na súa mobilidade, teñen problemas para utilizar os transportes públicos colectivos.

O programa conta cun orzamento de 155.000 euros, destinados a persoas maiores de 3 anos, residentes no termo municipal da Coruña e que consten como empadroados desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de inicio do prazo de presentación de solicitudes.

O Concello aprobou nesta edición 112 solicitudes máis que as concedidas o ano pasado, o que incrementa a 245 o total de beneficiarios para este exercicio. Tras a proposta de resolución, provisional e publicada na páxina web de Servizos Sociais o pasado venres 11 de febreiro, abriuse un prazo de dez días hábiles para a presentación de alegacións, que finalizou o día 24 de febreiro.

A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación que dirixe Yoya Neira procederá á entrega dos importes do bono-taxi aos seus respectivos beneficiarios a partir do vindeiro día 28 de marzo.